As novidades de Bolanda este mes en Madrid e Frankfurt

07 · outubro · 2019

As nosas novidades editoriais chegarán ás feiras internacionais LIBER e Frankfurt da man da Asociación Galega de Editoras (AGE) que difundirá en ambas citas o Galician Books | Foreign Rights, realizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e coa promoción da Xunta de Galicia.

A Feira Internacional do Libro, que se celebrará en Madrid entre os días 9 e 11 de outubro, é un evento profesional que promove a Federación de Gremios de Editores de España desde hai 37 anos. Esta convocatoria suporá o maior encontro internacional do libro en español, con capacidade de ofrecer oportunidades de negocio ás principais empresas.




O sector editorial galego contará con stand coexpositivo compartido entre a AGE e a Consellaría de Cultura e Turismo, ara amosar as súas novidades, manter acordos e intercambios comerciais. Bolanda Edicións estará presente xunto a Auga Editora, Edicións Xerais de Galicia, Toxosoutos e Edicións Embora. Ademais Alvarellos Editora, Hércules de Ediciones, Kalandraka Editora, Baía Edicións, Triqueta Verde, Bululú, Edicións do Cumio, Tulipa Editorial, Edicións Fervenza, KNS Ediciones, OQO Editora e a Editorial Galaxia desprazaranse á feira.

Uns días despois, do 16 ao 20 de outubro, terá lugar a gran cita mundial da edición que se celebra en Alemaña. Ademais do encontro en Frankfurt dos principais representantes internacionais do sector, a feira converterase un ano máis no principal centro de negocio no exterior para a compra e venda de dereitos de edición, obxectivos fundamentais da delegación das editoras galegas que asistirán á feira onde, de novo, no stand de Galicia estarán as novidades de Bolanda.