Presentación do segundo título de VICVS no Museo da Conserva

10 · xullo · 2019

"VICVS, Un lugar aquelado" volve a un dos principais escenarios nos que transcorre a trama deste segundo libro da serie de Beto Luaces: o Museo ANFACO da Industria Conserveira de Vigo. Na presentación estarán o autor e o profesor Xoán Carmona, unha das voces máis autorizadas na historia da conserva galega. 

O Museo ANFACO da Industria Conserveira de Vigo acolle este venres, 12 de xullo ás 12.30 h a presentación de VICVS Un lugar aquelado.

A segunda entrega da serie creada por Beto Luaces centra a súa trama no mundo da conserva viguesa, e o Museo de Anfaco é, precisamente, un dos escenarios protagonistas da novela que narra o asasinato dun dos últimos representantes da "estirpe empresarial máis grande de Vigo" na súa propia fábrica. Como toda novela negra, ademais da búsqueda da persoa que cometeu o asasinato, a trama desenvolve a historia da propia industria conserveira e afonda na psique dos personaxes dando lugar a unha apaixonante intriga. 

Para documentarse o autor, Beto Luaces, botou man da axuda do persoal do propio Museo así como das publicacións do profesor Xoan Carmona, autor do libro As familias da conserva, do que tamén se fai ecoo protagonista da novela, o detective Manuel Peixoto, para descubrir que pasou.

Un lugar aquelado é a segunda entrega da serie VICVS, cuxo primeiro título foi o máis prestado da Biblioteca Central de Vigo en 2018 e conta xa coa segunda edición nas librarías. Na presentación compartiremos detalles e impresións do libro e do pouco narrado mundo da conserva como trama argumental de novela. Para asistir ao acto basta con remitir nome completo ao correo electrónico museo@anfaco.es ou por teléfono 986 469 301.