Bolanda participa un ano máis no concurso Contádenos o voso Día das Letras da Real Academia Galega

16 · outubro · 2018

Edicións Bolanda, xunto con Xerais, Urco e Galaxia, foron as editoriais que colaboraron na entrega de premios do concurso Contádenos o voso Día das Letras, no que este ano participaron 82 centros educativos de toda Galicia.

María Victoria Moreno volveu ser homenaxeada neste seu ano das Letras Galegas aínda que desta volta os discursos académicos foron substituídos pola ollada das nenas e nenos dos tres colexios premiados na segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras: o CEIP Anxo da Garda (A Coruña), o CPI Virxe da Cela (Monfero) e a EEI do Milladoiro (Ames). 




A Real Academia Galega puxo en marcha este concurso dentro do proxecto web Primavera das Letras, que ofrece desde 2016  materiais lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas pensados para as etapas de infantil e primaria. Ao certame, concibido para coñecer como celebran os centros educativos esta festa da lingua e da cultura galegas, concorreron este ano un total de 82 centros educativos de toda Galicia con propostas que abranguen desde as artes escénicas á música para recrear o universo vital e literario de María Victoria Moreno.

Todos estes ingredientes estiveron presentes no acto de entrega dos premios, presentado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e conducido por Fina Casalderrey. Tamén interviñeron Pedro Ferriol, o viúvo de María Victoria Moreno; Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Andrea Jamardo, de Urco Editora; e Teresa Rocamonde, de Bolanda, a editora dos Bolechas, en cuxa colección As miñas primeiras Letras Galegas se inclúe o título adicado a María Victoria Moreno que hoxe se lles entregou aos gañadores xunto a outros títulos das editoriais participantes.  

“A primavera das letras sodes vós”

Con estas palabras recibiu Fina Casalderrey as nenas e nenos e ao profesorado, ao que se referiu Víctor F. Freixanes como "o corazón da causa da lingua e desta Primavera das Letras que celebramos". En representación da familia da autora estivo Pedro Ferriol quen asegurou que "os actos institucionais dedicados a María Victoria Moreno enchéronnos de emoción, pero moito máis aínda o fixeron os centos de colexios que estiveron recordando a María Victoria Moreno ao longo deste ano con distintas mostras de cariño e amor cara a ela".

A continuación subiron ao escenario os auténticos protagonistas do acto. En primeiro lugar os 44 alumnos e alumnas de 4 e 5 anos da EEI do Milladoiro, que recitaron un fragmento do conto en verso “Can branco, can negro” e recordaron o amor que sentía a autora polos animais, e especialmente polos cans, que foron os que centraron o proxecto desta escola, unha exposición de canciños de peluche. 

O CPI Virxe da Cela achegou o alumnado á autora a través da radio. O de 1º e 2º gravou un conto inspirado en personaxes das obras da autora e o de 4º, un programa de radio, medio que reproduciron Elías Espiñeira e Iria Lence, tomando a palabra e dándollela tamén a outros compañeiros e compañeiras a través de varios cortes de audio.

Dende o CEIP Anxo da Garda chegou a mesmísima María Victoria Moreno interpretada pola alumna de 6º de primaria Sabela Pérez Regueira, que agradeceu o galardón en nome de toda a comunidade educativa e presentou a adaptación musical do poema “Cantiga” que deseguido interpretaron nove alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º. O colexio coruñes participou no concurso cun conxunto de actividades variadas, desde a dramatización dunha entrevista á autora, ata un concurso  de preguntas, lecturas ou un xogo de cuarto de escape.