A presentación do libro de Albor convértese nunha homenaxe ao autor

16 · febreiro · 2018

A presentación do libro que recompila algunhas das colaboracións realizadas nos últimos 17 anos por Gerardo Fernández Albor en El Correo Gallego converteuse nunha emotiva homenaxe ao autor, que agradeceu a través dun vídeo tanto a publicación da obra como esta nova mostra de cariño.

A sede do xornal compostelán acolleu a pasada tarde a presentación de Comentarios y recuerdos. Colaboraciones periodísticas en El Correo GallegoNumerosas personalidades se deron cita no acto que estivo presidido polo xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.




O presidente da Xunta aproveitou a ocasión para pedir un financiamento autonómico “non distorsionado por quitas pouco xustificables que premien a mala administración dos recursos públicos”, unha defensa que responde, segundo o presidente autonómico, tanto aos intereses galegos como aos nacionais, “un modelo do que é precursor don Xerardo” ao que definiu como “pioneiro en impulsar un galeguismo que ten como obxectivo que a Comunidade inflúa cada vez máis no cerne do Estado”. O presidente da Xunta asegurou que esta Galicia do 2018 empezou a nacer coa presidencia de Albor, que soubo “anticipar a Galicia do futuro”.

Un autor centenario en activo

O editor Antonio Couto asegurou que este libro é un dobre orgullo para a Editorial Bolanda, tanto pola calidade da propia publicación como por poder contar “cun autor centenario en activo”.

O director de El Correo Gallego, José Manuel Rey, recordou que este libro “era un soño longamente acariciado que foi posible polo decidido empuxe do incansable Marcelino Agís, do imaginativo editor Antonio Couto e do mecenas na sombra, sempre disposto a botar unha man, Ramiro Carregal, presidente de Frinsa”. O coordinador da obra, Marcelino Agís, tamén se mostrou moi agradecido por poder facer realidade, no ano do seu centenario, este soño de Albor, unha persoa que “deixou en herdanza un mundo mellor que o que recibimos”.