As Marías, o mestre Bretón ou o holandés errante son algúns dos protagonistas do novo libro de relatos de Manuel Martínez

29 · novembro · 2017

Na Cidade do Perdón é o título deste libro no que Manuel Martínez ficciona feitos e personaxes reais para narrar 13 relatos capaces de configurar “a historia non oficial” da universidade compostelá e da propia cidade.

“Alí, naquela cidade onde se daban ciencia, vida e perdón dos pecados para gañar o ceo, nacían estes personaxes extraordinarios, e os avatares do vivir diario xeraban historias que merecen non desaparecer co paso dos tempos. Deixar constancia do seu paso pola Cidade do Perdón é unha obriga e un desexo do cronista ao que con eles lle tocou vivir”.




Así remata Manuel Martínez a introdución do seu último libro, Na Cidade do Perdón, e dá paso aos 13 relatos que compoñen a súa última obra, presentada este martes na Facultade de Medicina de Santiago onde o autor é profesor. Xunto con el estiveron no acto o decano da Facultade, Julián Álvarez, e o editor Antonio Couto de Edicións Bolanda, quen recordou que é xa “a segunda obra de Manuel Martínez” que publican “despois da fermosa novela Los baños de clareo onde se fai unha chiscadela á historia termal desta comunidade a través dunha trama a medio camiño entre ficción e realidade, como ocorre tamén Na Cidade do Perdón”.

Precisamente esta é unha das características da obra literaria de Manuel Martínez, a fabulación sobre persoaxes e feitos que teñen un substrato real para recrear relatos imaxinarios cargados de ironía que, neste caso, “permitiranlle ao lector, sen perder o sorriso, coñecer aínda mellor esta sorprendente cidade que é Santiago de Compostela”. Así o indicou o autor, que é tamén xefe de servizo de Cirurxía Vascular no Hospital Clínico de Santiago e que coñece ben as múltiples lendas e contos que desde hai décadas –ou mesmo séculos– corren de boca en boca configurando unha “historia non oficial” da universidade compostelá e da propia cidade. 

“Se os mitos, lendas, intrigas e lerias forman parte consubstancial da historia de calquera poboación, en Santiago de Compostela son case a propia historia. Desde a súa orixe, ligada á fascinante lenda do apóstolo Santiago, ata os nosos días, centenares de mitos e personaxes foron conformando esta milenaria cidade.

Das Marías ao mestre Bretón… 

Entre os 13 relatos da obras hai historias románticas, como a das Marías; tráxicas, como a da noiva do casino ou a do crime da rúa da Balconada; pícaras, como as da tuna, ou épicas, como a das “traballadoras” do Pombal tras o accidente do Iberia Club de Fútbol. E personaxes non menos líricos, como as propias Marías, o mestre Bretón, o holandés errante, as prostitutas Toñita e Blanquita, o pintor tenor que cantaba ao lombo dun dos cabalos da fonte das Praterías ou Manuel Vales, o eterno estudante de Medicina que acabou a carreira xusto na idade de xubilación…

Un cúmulo de historias e personaxes que constitúen “o ser vivo da cidade que as garda no seu interior”, segundo asegura o “cronista” que se ve no deber “de preservalas e difundilas para que non se perdan na noite dos tempos e que sexan eternas, como as pedras que, co pasar dos anos, seguen perdurando na Cidade do Perdón”.

Sobre o autor

Manuel Martínez Pérez naceu a mediados do século pasado en Salceda de Caselas (Pontevedra). Desde a súa infancia desenvolveu unha intensa actividade literaria que lle reportou xa varios premios, tanto no xénero poético como en narrativa. Conta, ademais, con textos teatrais e numerosas colaboracións en prensa escrita, radio e televisión. En todas as súas obras, que adoitan ambientarse en Galicia, hai un gran dominio da ironía o que, unido á combinación de realidade e ficción, dá lugar a historias fascinantes como as que se poden ler nesta súa última obra.