Neira Vilas reúne a mellor tradición do conto galego e arxentino nos “papeis do vello mariñeiro”

07 · xullo · 2017

O libro de relatos presentado en Santiago é unha das últimas obras que deixou escritas o autor antes do seu pasamento en 2015.

O Hotel Monumento San Francisco, foi o lugar elixido para presentar este novo título do estrañado autor, xa que “neste lugar o recordo de Pepe Neira faise máis intenso”, asegurou o editor, Antonio Couto. Un recordo que se ve reafirmado “con esta nova obra inédita que temos sobre a mesa e que nos trae de novo o Neira Vilas máis auténtico”, explicou Couto, xa que Os papeis do vello mariñeiro reúne “a mellor tradición do conto galego e arxentino, exemplos sobranceiros deste xénero que o autor crucense domina coma poucos”. 




A este dominio do relato curto referíronse tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e Luís Reimondez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas. Foi este quen explicou como se xestou este libro de relatos nos que o autor cambia a súa amada terra galega polos mares do mundo para contar como vivían os mariños mercantes galegos que pasaban longas tempadas en alta mar en lugares moi afastados –territorial e culturalmente– ao noso.

Para novelar estas historias o autor creou o “vello mariñeiro”, un personaxe “dunha aldea do interior de Galicia, fillo e neto de labregos, e labrego el mesmo nos seus primeiros dezaoito anos de vida” que, tras a súa morte, deixa nun pallal, esquecidos, moitos dos recordos da súa vida de navegante. O “cronista” –así se define Neira no prólogo da obra– consegue entrar nese recuncho no que atopa “varios cadernos e papeis soltos” que pon “máis ou menos en orde” para escribir a vida daquel veterano mariñeiro.

Non obstante, como explicou Luís Reimóndez na presentación, as historias non corresponden a unha soa persoa, senón que son “historias que lle contaron a Neira navegantes galegos e que despois el novelou co seu inconfundible estilo”, ao que tamén se referiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen fixo unha sentida lembranza do autor que “volve a ilustrar con palabras o espírito da Galicia máis auténtica dun xeito maxistral”.

Ambos destacaron a coidada edición da obra, encadernada en tapa dura con papel craft, o que lle dá “aspecto de ser un auténtico caderno de navegante”, asegurou Reimóndez,, ao tempo que subliñou o traballo do ilustrador Alberto Fernández García tanto na imaxe da portada como en cada un dos relatos da obra. Este é o sexto título do autor que leva ao prelo Edicións Bolanda, tras Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica (2013), Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade (2014), Semente Galega en América (2015), Contos vellos para rapaces novos e Quique na aldea (2016).

O autor

Xosé Neira Vilas (1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entroutros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e o da Crítica Galega (ensaio). O Premio Otero Pedrayo 2013 recoñeceu de maneira unánime a súa contribución á cultura galega e recibiu, da man da Xunta de Galicia e do Goberno galego, o Premio da Cultura Galega das Letras 2014 e a Medalla de Ouro de Galicia 2015.

Logo de residir e levar a cabo un importante labor cultural e lingüístico en América durante 43 anos, regresou a Galicia en 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde instituíu canda á súa dona, Anisia Miranda, a fundación que leva o seu nome e desde a que el mesmo lle deu continuidade ao activismo cultural que iniciou na emigración. Tras o seu pasamento, o pasado mes de novembro, esta fundación é hoxe a depositaria da súa obra e a continuadora do seu legado.

É un dos grandes escritores da literatura galega, na que destacou como autor inaugural da literatura infantil e xuvenil coa obra Memorias dun neno labrego –a novela galega que contabiliza máis reedicións e traducións ata os nosos días–. Deu ao prelo máis de 60 obras e exerceu de infatigable colaborador de prensa, así como de impulsor e colaborador asiduo de múltiples actividades de interese para lingua e para a cultura galegas.